jueves, 4 de junio de 2020

BENVIDOS AO GRANDIOSO CIRCO DO GRAXAL

Chegou o día! Despois de varias semanas na que os artistas estiveron preparando as súas magníficas funcións, fomos quen de unir todas para crear este espectáculo que cremos que é único. Quixemos manter a maior parte dos vídeos tal e como nolos enviastes, conservando a vosa elaboración basada nun gran sentido de esforzo e nunha gran dose de creatividade e orixinalidade. Naqueles vídeos nos que non había música de fondo fixemos uns pequenos retoques que esperemos sexan do agrado de todos/as.

Agardamos que desfrutedes do espectáculo tanto coma nós. Os profes de Educación Física queremos darvos as grazas polo voso esforzo e implicación. E queremos rematar este curso desta maneira, con alegría, con entusiasmo, con esperanza, con ilusión... De aí a idea de crear este circo, para finalizar o curso de Educación Física con bo sabor de boca. Non hai mellor terapia que facerlle fronte aos momentos delicados e difíciles que nos toca vivir cunha gran dose de humor e alegría.

VIVA O CIRCO DO GRAXAL!!

QUE COMECE O ESPECTÁCULO!!


miércoles, 3 de junio de 2020

Entrada para o CIRCO do GRAXAL

Todo circo, antes de iniciar a súa primeira función, ten que realizar unha serie de preparativos: montar o escenario coa súa gran carpa central, realizar ensaios previos sobre como serán as funcións a representar, anunciar por megafonía en furgoneta ou coche que o circo xa chegou á vila ou cidade, repartir tickets con desconto polos diferentes negocios da zona, colgar os carteis nas farolas e nos escaparates das tendas… Un sinfín de traballos que a maior parte das veces non caemos na conta e que son fundamentais para que o circo teña máis ou menos éxito.

Pois queremos que saibades que o circo xa chegou á zona do Graxal e os seus diferentes artistas estanse a preparar para deleitarvos co seu fantástico e inigualable espectáculo. Iso será dentro duns días, pero tranquilos que avisaremos por mensaxería o día que vaia empezar o espectáculo. Mentres tanto seguimos con eses preparativos que todo circo precisa antes de representar as súas funcións ao público.

Polo de pronto, quédanvos aquí as entradas e o cartel anunciador, por cortesía da familia Varela Castro. Non te quedes sen a túa entrada.

VIVA O CIRCO DO GRAXAL!