martes, 31 de marzo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 10. O futbolín

Hoxe traemos unha adaptación dun xogo ou xoguete, inventado por un galego alá polo ano 1937, e que causou a ledicia de nenos/as e de maiores: o futbolín.
Evidentemente aquí non imos usar mangos, xa que non creo que ninguén dispoña na súa casa dos mesmos; por iso imos utilizar outro material do cal si dispoñemos. Precisamos por tanto dunha mesa, uns cromos (cartas ou cartóns tamén servirían), un par de porterías e unha pelota feita cun papel. E logo, a imaxinación de cada un e cada unha de vós que permita crear novos elementos para vivir un ambiente máis real de partida de futbolín mediante a creación dun marcador, unha moeda para facer o saque inicial e todo canto se vos ocurra.

Retade aos vosos familiares e a ver quen amosa máis habilidade. Que empece a partida!!

Sesión 10. O futbolín.


lunes, 30 de marzo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 9. Adaptación do xogo da oca.

Traemos para hoxe un novo xogo en familia. Partindo do mítico xogo da oca simplemente fixemos unhas adaptacións para traelo ao terreo da Educación Física. Teredes que superar un número de probas motrices nas diferentes casiñas polas que vaiades caendo ata chegar á casiña 26 que representa a victoria sobre o coronavirus.
Debaixo do vídeo tedes as probas e o taboleiro. Para copialo teredes que abrir un documento en branco en Word, picades na imaxe do taboleiro e cando estea seleccionada pulsades o botón dereito do rato, opción copiar e ides ao documento de Word, botón dereito do rato e opción pegar. Seguiredes este mesmo paso para copiar a folla das probas.

ÁNIMO!!

Sesión 9. O xogo da oca pero motriz. 



Engado aquí un par de enlaces que atopei por internet e que tamén son xogos da Oca adaptados á E.F. Xa vedes que é un xogo que para estes días de confinamento estamos adaptando varios profes de Educación Física, dándolle o noso toque persoal. 

https://view.genial.ly/5e73b3c24aba9c1b7b82bc6c

https://view.genial.ly/5e879061260c290e39a07388?fbclid=IwAR0C1wCDWL7XDQA7_3OuHsD-QuauJDTezaTK9IQp9GE8MMKPbev8LN2z_dY

viernes, 27 de marzo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 8. A mariola.

Nesta última sesión desta semana volvemos tratar outro xogo popular e tradicional pero coa particularidade de que variaremos o terreo de xogo, é dicir, a forma e o tamaño das casiñas; serán ao voso gusto. Un conselliño: para os máis pequenos é preferible que as casiñas sexan máis grandes, pero os máis maiores poderedes aumentar a dificultade do xogo facendo as casiñas máis estreitas e pequenas. E outra cousiña; aos máis pequenos, como vos custará realizar saltos á pata coxa sen saírvos da casiña, podedes buscar outras variantes como saltar a pés xuntos, ou saltar apoiando os dous pés; de aí a importancia de que as súas casiñas sexan de maior tamaño.

Por certo, o vídeo de hoxe vai cunha dedicatoria especial. É para a xente do pobo no que nacín (Viana do Bolo) e moi especialmente para o mestre de Educación Física do CEIP Bibei da mencionada vila, quen está a levar a cabo estes días de confinamento un proxecto espectacular. Formou unha Comunidade (conxunto de persoas) na que xente de Viana e doutros lugares lle envían ideas (non só relacionadas coa Educación Física) e tamén retos, para compartir entre toda a Comunidade. Invitáronme a participar cos vídeos que estou gravando e aí seguiremos, entusiasmadísimo, compartindo ideas con moitísima xente coa finalidade de que este tempo que temos que estar pechados na casa o manteñamos ocupado con cousas que nos poden resultar divertidas e entretidas.

Saquemos conclusións deste tempo tan estraño que nos toca vivir e ogallá que todo isto nos sirva para construír un novo mundo, menos competitivo e individualista en favor dun mundo máis cooperativo e comunitario.


Sesión 8. A Mariola.  

   

jueves, 26 de marzo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 7. O xogo de roubar a bandeira

Hoxe vou presentarvos unha primicia, xa que este xogo posiblemente non o atoparedes en ningún lado. Trátase dunha adaptación do xogo "roubar a bandeira". Nestes días de confinamento a miña cabeza non para de pensar. Como vos dixen un montón de veces nas clases de Educación Física inventar un xogo é sinxelo, tan só hai que pensar nunhas regras para que ese xogo teña sentido. Logo, de vós depende que ese xogo sexa máis fácil ou máis complexo, pero o importante é que cando vos sintades aburridos lle dedes voltas ao voso "coco" e inventedes xogos para transformar ese aburrimento en diversión.

O xogo que vos presento hoxe é difícil, xa que aparte de ter moitas regras, éstas son algo complexas. Pero se non esquecedes a regra principal, e se ides adaptándovos coa asimilación das outras regras segundo avanza o xogo, seredes uns fenómenos e enseguida dominaredes o xogo. Explícovolo máis abaixo con máis detalle.

Estamos ante un xogo de estratexia, de solución múltiple. É dicir, que antes de realizar unha tirada debo de pensar previamente en cal pode ser a acción máis axeitada para cada momento. Lembrade, sobretodo os maiores, o que comentamos de percepción-decisión-execución.

A pesar de que as regras aparecen no vídeo acompañadas de imaxes, vou determe aquí en explicalas para que o vos sexa algo máis sinxelo aprender o xogo.

Regra principal: Cando os tapóns están no seu medio campo correspondente nunca poderán ser pillados.

Resto de regras:
- As tiradas van alternándose. Primeiro lanza unha persoa un tapón do seu equipo e a continuación tócalle o turno ao adversario. Así sucesivamente.

-Se un xogador/a (tapón) invade a metade do campo contrario, poderá ser pillado se o contrario (tapón doutra cor) impacta sobre el. Nese caso darédeslle a volta a ese tapón para indicar que foi pillado e que polo tanto deberá permanecer sempre inmóbil no sitio, a non ser que un xogador/a do seu equipo (tapón da mesma cor) impacte sobre el, momento no que quedará salvado.

- Cando un tapón saia fóra do campo de xogo, colocarase sempre na beira do lugar exacto por onde saíu.

- Cando un tapón roube a bandeira (tocar a bandeira co tapón), volverá a lanzar novamente para intentar cruzar coa bandeira cara o seu campo. Este é o único caso no que unha persona lanzará 2 veces seguidas. A bandeira colocarémola dentro do tapón, e soamente se considera a partida como gañada se esta non cae fóra do tapón no momento en que este regrese para o seu campo. Se caese cara fóra do tapón, este permanecería no lugar no que quedou e a bandeira haberá que levala novamente á esquina inicial, onde estaba ao inicio do xogo.

- Non está permitido colocar un tapón a modo de "perrito guardián" da bandeira. Respetade unha distancia considerable.

- Decidide con cantos tapóns xoga cada equipo. Que sexa sempre o mesmo número.

Sesión 7. O xogo de roubar a bandeira con tapóns
 

miércoles, 25 de marzo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 6. Habilidades cun iogurcesto

No vídeo de hoxe explico como elaborar un iogurcesto e algúns exemplos de habilidades para practicar. Invítovos a que as propoñades coma un reto familiar, é dicir, que irmáns, irmás, papás, avós… vos retedes para ver quen consegue ser máis habilidoso/a. Asegúrovos que están garantizadas unhas risas, que boa falla nos fan nestes días de estar confinados.

Trátase dun xogo que "engancha". Lémbrame moito a un que vos vin practicar infinidade de veces no colexio: o da botella de auga medio chea que hai que voltear no aire para que caia de pé.

A práctica destas habilidades permítenos desenrolar a coordinación óculo-manual (ollo-man) e óculo-pédica (ollo-pé).

Sesión 6. Habilidades cun iogurcesto.


martes, 24 de marzo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 5. Xogar en familia: O xogo da ra

Hoxe explícovos o xogo da ra, xogo popular e tradicional moi típico que seguramente sexa coñecido polos vosos pais/nais ou avós/avoas. As partidas consisten en lanzar alternativamente un total de 10 fichas co obxectivo de introducilas pola boca da ra ou nos outros orificios situados na mesa de xogo,   intentando conseguir o máximo de puntuación en cada tirada. A partida finaliza unha vez pasadas 10 rondas ou tandas, resultando gañador/a o xogador/a que obteña máis puntos.

En primeiro lugar teredes que construír a vosa mesa de xogo coas súas puntuacións correspondentes. Como fichas poderedes empregar chapas, tapóns ou otros obxectos que se vos ocorran.

Facede tamén unha táboa para ir anotando a puntuación.

AFINADE A PUNTERÍA E... A XOGAR!!

      
                                Sesión 5. O xogo da ra.


     Xogo da ra feito por un neno despois de ver o vídeo










lunes, 23 de marzo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 4. Habilidades sobre unha tea de araña de la

Unha vez que vexades o vídeo comprobaredes o sinxelo e divertido que é ir enredando a la por diferentes obxectos para crear unha tea de araña. O seu tamaño dependerá do espazo que teñades en casa, pero tampouco fai falla moito sitio para elaborar unha tea de araña que vos permita practicar unha serie de habilidades e superar diversos retos que vos iredes marcando vós mesmos. Así que mans á obra e a divertirse. Arriba esa imaxinación.

Sesión 4. Habilidades nunha tea de araña.

viernes, 20 de marzo de 2020

Educación Fïsica na casa. Sesión 3. Contrarreloxo individual de ciclismo

Nesta sesión explícovos como realizar unha contrarreloxo individual de ciclismo con chapas ou tapóns. Primeiro teredes que debuxar as equipacións dos equipos profesionais que vós queirades. Neste enlace saen os equipos máis destacados para este 2020.


A continuación realizaredes o voso percorrido particular, cunha saída e unha meta. Intentade rexistrar e anotar nun caderno os tempos que fai cada ciclista para así poder facer unha clasificación final. Resultaravos máis divertido. 

Usade o voso inxenio e creatividade para darlle o voso toque persoal. Esta actividade dá para discurrir moito. Incluso podedes realizar varias etapas con percorridos diferentes, cunha clasificación diaria de etapa e outra clasificación xeral.  Así saberedes que postos van ocupando os diferentes ciclistas tal e como sucede no ciclismo profesional.  

Por último indicarvos que ningunha das actividades, xogos ou habilidades que vos explico nestes vídeos son obrigatorias. Soamente son ideas, propostas... para poder pasar este tempo que estamos pechados na casa dunha maneira máis amena e estar, dalgunha maneira, algo máis activos. Se as facedes e practicades que sexa por diversión.  

ÁNIMO!! 


Sesión 3. Contrarreloxo individual de ciclismo

jueves, 19 de marzo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 2. Xogos con cromos

Na sesión de hoxe explico 3 xogos para realizar con cromos. Espero que vós inventedes outros novos. Lembrade o que dicimos sempre nas clases; que é moi sinxelo inventar un xogo. Tan só necesitamos poñer unhas regras.
Por certo. Reto para os máis futboler@s. Dos cromos que saen no vídeo, a ver se recoñecedes a dous entrenadores actuais de equipos de Primeira División. Un deles sae como xogador do Racing de Santander e o outro como xogador do Barça.

Sesión 2. Xogos con cromos

miércoles, 18 de marzo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 1. Habilidades con garrafas

Iniciamos aquí unha serie de vídeos, que irei subindo co paso dos días, para que esta situación de excepcionalidade que estamos a vivir estes días pechados na casa os pasemos da mellor maneira posible, facendo algo de exercicio e movemento, e por suposto, pasando un momento agradable e divertido coas persoas que nos rodean. 
Todos os vídeos terán un eixe central: aproveitar cousas que temos pola casa e darlles un novo uso (en moitos casos inimaxinables para nós) que nos permitan traballar diferentes habilidades motrices. Nesta primeira sesión utilizaremos unha garrafa de auga e a parte interior dun ovo Kinder. 

Estade atent@s porque intentarei subir un vídeo cada día. ¡¡ÁNIMO!!  

Sesión 1: habilidades con garrafas