jueves, 28 de mayo de 2020

Anuncio

O marabilloso Circo do Graxal está a piques de abrir o seu telón para contemplar as fantásticas actuacións dos malabaristas, magos, domadores, acróbatas, forzudos, majorettes, pallasos… Unha gran variedade de artistas que vos deleitarán coas súas incribles actuacións. Un gran espectáculo que non podes perderte. Nuns días comezará a súa primeira función.

Se todavía queres participar aínda estás a tempo. É unha oportunidade única de demostrar as túas habilidades circenses. ÁNIMO!




miércoles, 13 de mayo de 2020

A idea de montar un circo: O circo do Graxal

Ola nenos/as do CEIP Plurilingüe Graxal. A bo seguro que hoxe quedastes estrañados ao ver que non subimos ningún xogo novo. Deixamos de recibir novas propostas de xogos polo que queremos poñer fin a esta dinámica de traballo e iniciar así un novo proxecto. Cremos que esta iniciativa tivo moi boa acollida e acadou un gran éxito, así que recibide os nosos parabéns. Contribuístes a compartir eses xogos que fixestes nas vosas casas ao longo destas semanas e fixestes que outros alumnos/as do cole puidesen practicar os xogos que inventarades. Aparte de compartir as vosas experiencias lúdicas fostes conscientes de que con moi poucas cousas pódense realizar xogos moi entretidos e divertidos. Tan só fai falta imaxinación e creatividade, calidades que todo neno/a posúe; tan só temos que crear os estímulos adecuados para impulsalas. 

E así adentrámonos nunha nova proposta. A bo seguro que moitos de vós, nas primeiras semanas de confinamento, seguistes en directo as actuacións do Circo do Sol que se emitiron por YouTube. Pois queremos crear o noso circo particular, que lle chamaremos o Circo do Graxal. Nun circo aparecen gran variedade de habilidades: equilibrios, saltos, xiros, coordinación, lanzamentos e recepcións... Podedes representar aos artistas que máis vos gusten ou que mellor se vos den: equilibristas e funambulistas, paiasos, acróbatas, domadores, malabaristas...

Tan só nos teredes que enviar un vídeo coa vosa actuación ao correo electrónico: efnacasa@gmail.com para finalmente realizar nós unha montaxe con todas as vosas aportacións e poñer fin así ao curso 2019-20.

Detallamos a continuación os requisitos de participación:

- O vídeo non pode durar máis de 30 segundos. Nese tempo representaredes ao voso personaxe escollido. Por exemplo, se quero facer de malabarista podo usar 2 ou 3 bólas e gravarme facendo malabares. 
- A data límite será o martes 2 de xuño. Dispoñedes, polo tanto, de 3 semanas. 

Este proxecto, ao igual que sucede cos retos e tamén sucedeu cos xogos inventados por vós, será novamente de participación voluntaria. A nosa ilusión é que participedes o maior número de alumnos/as xa que así o espectáculo final será máis grandioso e marabilloso, pero entendemos que podedes estar saturados de proxectos e tarefas escolares polo que queremos que a decisión final a tomedes vós libremente. 
QUE EMPECE O ESPECTÁCULO POIS!


martes, 12 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 32. Deportes olímpicos: tenis de mesa con Olivia (INF. 6ºB)

Seguimos coas modalidades olímpicas e nesta ocasión Olivia explícanos como xogar na casa ao tenis de mesa, deporte que tamén é coñecido como ping-pong. Xa vedes que non fan falta raquetas, unicamente precisamos unha bóla. Se queredes aumentar a dificultade practicade cunha pelota saltarina, se a tedes por casa, senón serve calquera pelota pequena e lixeira. Iso si, tede coidado coas figuras, cadros, televisor, fiestras... non vaia ser que vos caia unha boa rifa por parte dos vosos pais. Non rompades nada non vaia ser que nos pasen a nós os posibles gastos, jeje! Así que xa sabedes; con moito coidadiño e con moito sentidiño.

Para completar máis información sobre o tenis de mesa podedes consultar este enlace.

http://especial.elcorreo.com/infografias/olimpiadas/tenis-de-mesa.html

Sesión 32. Deportes olímpicos: tenis de mesa

lunes, 11 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 31. Deportes olímpicos: ximnasia artística con Paula (3ºB) e Noa (3ºA)

Empezamos a semana cunha nova modalidade olímpica: a ximnasia artística. Rodas laterais, pinchacarneiros, pino ponte, posición invertida, spagat… Un sinfín de habilidades para as que se require ante todo moi boa flexibilidade e control postural. Veredes aquí algunas das habilidade que practican Paula e Noa na súa casa, con efectos especiais e todo. As Nadia Comaneci ou Simona Biles do futuro!!

Se queredes ampliar máis información acerca deste deporte, quédavos aquí este enlace.

http://especial.elcorreo.com/infografias/olimpiadas/gimnasia-artistica.html

Sesión 31. Deportes olímpicos: ximnasia artística


viernes, 8 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 30. Circuíto na casa con Álvaro (INF. 5ºA) e Miguel (1ºB)

Os irmáns Álvaro e Miguel preséntannos hoxe este impresionante circuíto que crearon eles na súa casa e que lles permite practicar habilidades motrices básicas como os desprazamentos ou os saltos.
Os circuítos son un recurso que dan moito xogo, xa que podemos adaptalos en función das habilidades que queiramos practicar. Animádevos a crear o voso percorrido particular no que mesturedes xiros, saltos, lanzamentos, carreiras… A bo seguro que algún de vós xa usou a vasoira para facer equilibrios, ou cartóns de leite para saltar por enriba, ou tapóns para lanzar e encestar nunha garrafa. Veredes que divertido vos resultará; ademais de que estaredes fomentando a vosa imaxinación e creatividade. ÁNIMO!!

Sesión 30. Circuíto de habilidades motrices básicas  

jueves, 7 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 29. Coordinación en parella con Ainhoa (3ºB) e Antía (6ºA)

Sabedes cal é o produto de droguería que vai pasar á historia como o máis recordado da época do coronavirus? Efectivamente, o papel hixiénico! Pois as irmáns Ainhoa e Antía explícanvos como utilízalo en parella para traballar a coordinación máis os abdominais. Un xogo moi apropiado para familias que conten con dous irmáns/irmás ou máis. E senón, se sodes fillos/as únicos, non pasa nada, porque o poderedes practicar con papá, mamá, avó, avoa… ÁNIMO!!

Sesión 29. Coordinación en parella.  

miércoles, 6 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 28: xogo de puntería con Nerea (5ºA)

Nerea preséntanos este fantástico xogo de puntería que creou ela mesma. Pode semellar ao típico xogo da diana, pero xa vedes que dun xeito máis artesanal; en vez de diana hai vasos con furados e no lugar de dardos hai pelotas de papel. Unha demostración máis de que non fai falta gran material para poder inventar un xogo co que a bo seguro pasaredes un rato moi divertido. Así que... xa sabedes... a afinar esa puntería e a ver quen ten máis precisión nos lanzamentos. A puntuación final dependerá do tino que teñades.

 Sesión 28. Xogo de puntería.

martes, 5 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 27. O xogo dos bolos con Gabriel del Río (3ºA)

Que tal estades rapaces/rapazas? Supoñemos que quen máis e quen menos xa puido dar máis dun paseo estes últimos días e poder desfrutar, aínda que fose un pouquiño, coas bicis, patinetes, patíns… Que gusto poder recuperar praceres que antes pasaban máis desapercibidos: que nos dé o sol na cara mentres camiñamos, dar un paseo coa bicicleta, sentir dunha maneira máis profunda o aire que respiramos, escoitar o canto dos paxariños... En fin, sensacións agradables sobre as que apenas nos parabamos a pensar hai dous meses, antes de que aparecese o virus.
É unha forma de ir recuperando pouco a pouco a normalidade, pero lembrade que é fundamental que sexamos todos/as responsables e que sigamos as normas e horarios de saídas polo ben común.

Iniciamos unha nova semana con novos xogos que nos traen alumnos/as do noso colexio. No día de hoxe, retomamos a temática de xogos populares e tradicionais. Gabriel explícanos como xoga aos bolos na súa casa. Xa vedes que non fai falta moito material; soamente hai que afinar puntería e... a ver se conseguides pleno coma Gabriel. Todo un crack!!

E xa sabedes! A seguir enviando novos xogos creados ou inventados a partir da vosa imaxinación e da vosa creatividade para compartir as vosas aprendizaxes co resto do alumnado. Lembramos o correo: efnacasa@gmail.com  Que a cabeza non pare de pensar!

Sesión 27. Xogos populares e tradicionais: os bolos.