Mostrando entradas con la etiqueta Educación Física na casa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Educación Física na casa. Mostrar todas las entradas

martes, 12 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 32. Deportes olímpicos: tenis de mesa con Olivia (INF. 6ºB)

Seguimos coas modalidades olímpicas e nesta ocasión Olivia explícanos como xogar na casa ao tenis de mesa, deporte que tamén é coñecido como ping-pong. Xa vedes que non fan falta raquetas, unicamente precisamos unha bóla. Se queredes aumentar a dificultade practicade cunha pelota saltarina, se a tedes por casa, senón serve calquera pelota pequena e lixeira. Iso si, tede coidado coas figuras, cadros, televisor, fiestras... non vaia ser que vos caia unha boa rifa por parte dos vosos pais. Non rompades nada non vaia ser que nos pasen a nós os posibles gastos, jeje! Así que xa sabedes; con moito coidadiño e con moito sentidiño.

Para completar máis información sobre o tenis de mesa podedes consultar este enlace.

http://especial.elcorreo.com/infografias/olimpiadas/tenis-de-mesa.html

Sesión 32. Deportes olímpicos: tenis de mesa

lunes, 11 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 31. Deportes olímpicos: ximnasia artística con Paula (3ºB) e Noa (3ºA)

Empezamos a semana cunha nova modalidade olímpica: a ximnasia artística. Rodas laterais, pinchacarneiros, pino ponte, posición invertida, spagat… Un sinfín de habilidades para as que se require ante todo moi boa flexibilidade e control postural. Veredes aquí algunas das habilidade que practican Paula e Noa na súa casa, con efectos especiais e todo. As Nadia Comaneci ou Simona Biles do futuro!!

Se queredes ampliar máis información acerca deste deporte, quédavos aquí este enlace.

http://especial.elcorreo.com/infografias/olimpiadas/gimnasia-artistica.html

Sesión 31. Deportes olímpicos: ximnasia artística


viernes, 8 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 30. Circuíto na casa con Álvaro (INF. 5ºA) e Miguel (1ºB)

Os irmáns Álvaro e Miguel preséntannos hoxe este impresionante circuíto que crearon eles na súa casa e que lles permite practicar habilidades motrices básicas como os desprazamentos ou os saltos.
Os circuítos son un recurso que dan moito xogo, xa que podemos adaptalos en función das habilidades que queiramos practicar. Animádevos a crear o voso percorrido particular no que mesturedes xiros, saltos, lanzamentos, carreiras… A bo seguro que algún de vós xa usou a vasoira para facer equilibrios, ou cartóns de leite para saltar por enriba, ou tapóns para lanzar e encestar nunha garrafa. Veredes que divertido vos resultará; ademais de que estaredes fomentando a vosa imaxinación e creatividade. ÁNIMO!!

Sesión 30. Circuíto de habilidades motrices básicas  

jueves, 7 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 29. Coordinación en parella con Ainhoa (3ºB) e Antía (6ºA)

Sabedes cal é o produto de droguería que vai pasar á historia como o máis recordado da época do coronavirus? Efectivamente, o papel hixiénico! Pois as irmáns Ainhoa e Antía explícanvos como utilízalo en parella para traballar a coordinación máis os abdominais. Un xogo moi apropiado para familias que conten con dous irmáns/irmás ou máis. E senón, se sodes fillos/as únicos, non pasa nada, porque o poderedes practicar con papá, mamá, avó, avoa… ÁNIMO!!

Sesión 29. Coordinación en parella.  

miércoles, 6 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 28: xogo de puntería con Nerea (5ºA)

Nerea preséntanos este fantástico xogo de puntería que creou ela mesma. Pode semellar ao típico xogo da diana, pero xa vedes que dun xeito máis artesanal; en vez de diana hai vasos con furados e no lugar de dardos hai pelotas de papel. Unha demostración máis de que non fai falta gran material para poder inventar un xogo co que a bo seguro pasaredes un rato moi divertido. Así que... xa sabedes... a afinar esa puntería e a ver quen ten máis precisión nos lanzamentos. A puntuación final dependerá do tino que teñades.

 Sesión 28. Xogo de puntería.

martes, 5 de mayo de 2020

Educación Física na casa. Sesión 27. O xogo dos bolos con Gabriel del Río (3ºA)

Que tal estades rapaces/rapazas? Supoñemos que quen máis e quen menos xa puido dar máis dun paseo estes últimos días e poder desfrutar, aínda que fose un pouquiño, coas bicis, patinetes, patíns… Que gusto poder recuperar praceres que antes pasaban máis desapercibidos: que nos dé o sol na cara mentres camiñamos, dar un paseo coa bicicleta, sentir dunha maneira máis profunda o aire que respiramos, escoitar o canto dos paxariños... En fin, sensacións agradables sobre as que apenas nos parabamos a pensar hai dous meses, antes de que aparecese o virus.
É unha forma de ir recuperando pouco a pouco a normalidade, pero lembrade que é fundamental que sexamos todos/as responsables e que sigamos as normas e horarios de saídas polo ben común.

Iniciamos unha nova semana con novos xogos que nos traen alumnos/as do noso colexio. No día de hoxe, retomamos a temática de xogos populares e tradicionais. Gabriel explícanos como xoga aos bolos na súa casa. Xa vedes que non fai falta moito material; soamente hai que afinar puntería e... a ver se conseguides pleno coma Gabriel. Todo un crack!!

E xa sabedes! A seguir enviando novos xogos creados ou inventados a partir da vosa imaxinación e da vosa creatividade para compartir as vosas aprendizaxes co resto do alumnado. Lembramos o correo: efnacasa@gmail.com  Que a cabeza non pare de pensar!

Sesión 27. Xogos populares e tradicionais: os bolos. 

jueves, 30 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 26. Basket tapper con Rubén (1ºA) e Diego (4ºB)

Último xogo que subimos por esta semana e hoxe contamos coa colaboración dos irmáns Rubén e Diego Barbazán quen nos traen unha nova modalidade de baloncesto: o basket tapper. Un xogo cunhas regras moi claras e precisas e que a bo seguro fará que pasedes un momento moi agradable e divertido. A nós, desde logo, encantounos.

Vémonos novamente para a vindeira semana. Seguide mandando as vosas fabulosas ideas para que poidan ser compartidas co resto do alumnado.

Rematamos co lema: "Un día máis, un día menos". MOITO ÁNIMO!!

Sesión 26. "Basket tapper"

miércoles, 29 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 25. O xogo do "Tres en raia" con Mara (1ºA)

Novamente contamos coa colaboración de Mara quen vos explicará como practicar este xogo popular e tradicional, pero cunha pequena adaptación. Non, non ides xogar en posición estática. Esta modalidade require que sexades moi rápidos e veloces para colocar as fichas antes que o adversario e conseguir que 3 das vosas fichas queden en liña. Un xogo para practicar en familia.

Incluso se pode facer en modo cooperativo-competitivo, por equipos. Modalidade que xa practicamos no colexio nas sesións de Educación Física.

Sesión 25. O "Tres en raia"

martes, 28 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 24. Xogo "O lobo e as ovelliñas" de Olivia (INF.6ºB)

Para a sesión de hoxe Olivia preséntanos un xogo de pilla. Pensaredes que teremos que correr por toda a casa e escapar de alguén, pero non. Non vaia ser que choquemos cunha porta, ou tiremos a sartén, ou tropecemos cunha mesa... Xogos de pilla dentro da casa coma que non.

Este xogo é unha adaptación con material. Precisades un taboleiro e unhas bólas (diferente a do lobo respecto ás das ovelliñas). Ademais ten a vantaxe de que é un xogo cooperativo, onde os movementos dos xogadores deberán ser coordinados e sincronizados para salvar ao maior número de ovellas.


Sesión 24. Xogo de pilla   

lunes, 27 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 23. Deportes olímpicos: ciclismo con Mara (1ºA)

Comezamos unha nova semana, seguro que algo máis aliviados por poder saír de casa como máximo unha hora ao día, pero tendo sempre en consideración os consellos que tanto escoitariades este fin de semana tanto nos medios de comunicación coma por parte da vosa familia para previr futuros contaxios.

Na sesión de hoxe Mara de 1ºA fai unha explicación completísima de como poder usar a bicicleta na casa. Como a maior parte do día seguiremos confinados na casa, esta pode ser unha moi boa opción para practicar coa bicicleta. Moitas grazas Mara por compartir esta idea tan orixinal co resto do alumnado.

Ao final do vídeo animámosvos a que nos enviedes os vosos vídeos montados na bicicleta para ver se somos quen de pillar a Mara.

Queda aquí tamén un enlace por se queredes saber algo máis deste deporte tan interesante.

http://especial.elcorreo.com/infografias/olimpiadas/ciclismo.html


Sesión 23. Deportes olímpicos: ciclismo

viernes, 24 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 22. Deportes olímpicos: golf con Martín (3ºB) e Elisa (3ºA)

Retomamos a temática dos deportes olímpicos da man de Martín (3ºB) e Elisa (3ºA). O deporte que nos presentan é o golf. 

Como xa saberedes, para a súa práctica precisamos paus, pelotas e buratos e o máis interesante disto é que veredes como cada un empregou diferentes obxectos que tiñan por casa para representar aos mesmos, o que demostra unha vez máis que a creatividade e a imaxinación non teñen límites. Mesma idea pero cada un coa súa modalidade particular. Fantástico!!

Queda aquí tamén un enlace por se queredes saber máis sobre este deporte. 


Sesión 22. Deportes olímpicos: golf

jueves, 23 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 21. Xogo "Transportar a bandexa" de Piero (6ºB)

Piero quere compartir con vós este interesante xogo que mestura coordinación, desprazamentos, precisión, velocidade, percepción espacial… Un xogo familiar moi completo que a bo seguro provocará máis dunha risa entre os participantes.

Lembrade que se non tedes ese material en concreto sempre poderedes facer adaptacións coas cousas que teñades por casa.

Aproveitamos o momento para seguir animándovos a que enviedes xogos para compartir cos demais. Todos/as queremos ver como segue fluíndo a vosa creatividade e a vosa imaxinación. ÁNIMO!!


   Sesión 21. Xogo "Transportar a bandexa"

miércoles, 22 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 20. Habilidades con rollos de papel hixiénico: Alonso e Ainhoa 3ºB e Antía 6ºA

Para a sesión de hoxe 3 alumnos (Alonso, Ainhoa e Antía) explicarannos como practicar habilidades empregando rollos de papel hixiénico. Agora entendemos por que este produto converteuse nun elemento moi codiciado nos primeiros días de confinamento e que escaseaba ou desaparecía dos supermercados nun abrir e pechar de ollos. Non era para limpar o cu; era para practicar habilidades con eles. Tivo que vir o coronavirus para descubrir unha nova utilidade do papel hixiénico. Pois veña, a ver que tal está esa flexibilidade. A practicar. Ánimo!!


Sesión 20. Habilidades con rollos de papel hixiénico


martes, 21 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 19. Xogo das irmáns Ariana (6ºB) e Martina Asorey (Inf. 4ºB)

No día de hoxe Ariana e Martina queren compartir con tod@s vós un xogo que están practicando moito na súa casa e que lle chamaron "A pelota no aire". Este vídeo poderiamolo incluír perfectamente dentro da sección de "Deportes olímpicos: tenis de mesa ou tenis".

Sen dúbida unha idea moi creativa e que vai dar moito xogo. Parabéns!!

Animámosvos a tod@s a seguir enviando vídeos cos xogos que practicades na casa e que queirades compartir co resto do alumnado do colexio. Lembrade que tan só teredes que explicar que material usades e as regras do xogo.

COMPARTAMOS O NOSO COÑECEMENTO PARA AMPLIAR AS NOSAS APRENDIZAXES 

Sesión 19. Xogo "A pelota no aire"

lunes, 20 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 18. Xogos con tapóns con Gabriel del Río 3ºA

Esta semana que empezamos decidimos cambiar a metodoloxía, a forma de presentar os xogos. Agora que xa coñecedes a dinámica, queremos que vós, os alumn@s, teñades un maior protagonismo e por iso propoñemos a idea de que sexades vós os que elaboredes os vídeos cos xogos que inventedes para compartir co resto do alumnado do colexio.

Simplemente tedes que gravar un vídeo onde apareza explicado o material a utilizar (lembrade que teñen que ser cousas que todo o mundo ou case todo o mundo teña por casa) así como as regras do xogo. Facedes unha demostración e listo!! Enviádelo ao correo efnacasa@gmail.com e intentaremos subilo ao blog de Educación Física.

Xa vos adiantamos que cos retos semanais faremos o mesmo. Este mércores xa será un alumn@ do cole o que vos plantexará o reto. Engadiremos nova información no apartado retos en Educación Física da páxina web do cole.

Pois sen nada máis que contar, deixámosvos aquí cos xogos inventados por Gabriel de Río de 3ºA. 

A DESFRUTAR!!

Sesión 18. Xogos con tapóns

viernes, 17 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 17. Xogo "invasión"

Xogo de lanzamentos no que haberá que ter precisión para mover un obxecto cara a metade do campo contrario. O que demostre ter mellor puntería terá moitos boletos para saír como gañador/a da partida.

Sesión 17. Xogo "invasión"

jueves, 16 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 16. A petanca

Como poder adaptar o xogo tradicional e popular da petanca a un espazo tan reducido como pode ser o noso piso? Pois como con todo, dándolle ao coco e buscando solucións.

As pequenas adaptacións que faremos terán que ver co material a empregar. Se dispoñemos dun espazo exterior non teremos tanto problema e poderemos utilizar pelotas, pero se o espazo é pequeno e reducido podemos usar unhas pinzas da roupa en vez de bolas e un garavanzo en lugar do boliche, que é a bola máis pequeniña do xogo e a que decide quen gaña a partida, xa que o xogador/a que teña máis próxima a súa bola ao boliche será o vencedor/a.

Sesión 16. A petanca.  

miércoles, 15 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 15. Xogo de reflexos "mans quentes" ou "quentamáns"

Neste xogo teredes que estar moi concentrados e retirar as mans antes de que sexan golpeadas polo contrario. Tres intentos. Retade a algún familiar. Quen terá máis reflexos?

Sesión 15. Xogo de reflexos.  

martes, 14 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 14. Xogo de pescar peixes.

Rematadas as vacacións máis estrañas da nosa vida, chegou o momento de empezar o terceiro trimestre. Así que moito ÁNIMO, moita ENERXÍA, e sobre todo moita SAÚDE. Que desta situación imos saír máis fortalecidos ca nunca.

Inicialmente vou empezar este trimestre na mesma liña que rematamos o anterior, subindo vídeos para practicar na casa unha serie de habilidades e destrezas e desenvolvendo a creatividade que todo ser humano leva consigo e que moitas veces está oculta. Trátase de que pasedes polo menos un rato agradable e entretido, e nalgúns casos con máis dun sorriso na boca.

Enviádeme cantas fotos e vídeos queirades ao correo electrónico efnacasa@gmail.com porque para min é unha forma de sentirvos máis cerca e de comprobar que estades ben.

Hoxe preséntovos un xogo que chamei "pescando peixes". É un xogo de puntería, pero sobre todo de habilidade, xa que comprobaredes que non é tan doado conseguir que o bote quede boca abaixo unha vez o lancedes para atrapar aos peixes (bolas de papel).

ÁNIMO E... BOA PUNTERÍA!!

Sesión 14. Xogo de pescar peixes.
 

viernes, 3 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 13. Deportes olímpicos: baloncesto

Hoxe explícovos como xogar ao baloncesto con tapóns ou chapas. Trátase dun xogo de estratexia, e de certa dificultade, xa que son moitas as regras que hai que adaptar para poder xogar con estes materiais tan sorprendentes: tapóns, rollos de papel hixiénico e un garavanzo.

En primeiro lugar teredes que elaborar as equipacions das seleccións que van xogar o partido. Aquí tedes este enlace para ver como foron as camisetas e que xogadores participaron no Mundial de China de 2019.

https://www.gigantes.com/selecciones/al-completo-todas-las-plantillas-del-mundial-de-china-2019/

Despois teredes que delimitar ben o terreo de xogo. No vídeo comprobaredes que eu utilicei as baldosas do chan para saber cales son as liñas de fondo máis as laterais e así facer un campo máis grande ou máis pequeno.

A continuación teredes que practicar o pase entre xogadores (que son os tapóns), o lanzamento a canastra (rollo de papel) e algo que me esquecín no vídeo: a conducción da bóla (o garavanzo). Unha vez practicadas estas habilidades xa estades en disposición de xogar partidos.

Colocade aos xogadores nas súas posicións: pívots (preto da canastra), aleros (un pouco máis afastados) e base (o máis alonxado da canastra) e seguide as regras que se explican no vídeo ou outras que marquedes vós.

Sesión 13. Deportes olímpicos: baloncesto

As regras principais a modo de resumo son:

1) Xogador que toque o garavanzo introducirá este dentro do seu tapón.
2) Mentres o garavanzo esté dentro dun tapón NON poderá ser interceptado por ningún xogador contrario.
3) Xogador con garavanzo terá 3 opcións: pase a outro xogador do seu equipo (con abertura de dedos como sae no vídeo), lanzamento a canastra ou conducción do garavanzo para aproximarse cara a canastra.
4) Cando o garavanzo sae por liña de fondo ou liña lateral sacará o equipo contrario.
5) Se un tapón choca con outro do outro equipo pitarase falta. Sacaremos desde a liña lateral.
6) Tanto o saque inicial como os saques desde liña lateral ou de fondo realizaranse cos dedos e a seguinte tirada será para un xogador do equipo que realiza o saque.
7) O garavanzo soamente pode ser interceptado cando non estea dentro de ningún tapón.
8) Cada vez que o garavanzo caia dentro do rollo de papel hixiénico considerarase canastra de 2 puntos. Se o lanzamento se fixo desde bastante lonxe (á altura da posición do base) serán 3 puntos.

Xa vedes que é un xogo complexo, pero espero que comprendades ben as regras xa que se é así garantízovos que pasaredes un momento moi divertido.

Aquí queda outro enlace no que se explican os aspectos máis destacados do baloncesto.

http://especial.elcorreo.com/infografias/olimpiadas/baloncesto.html

O seguinte vídeo subireino unha vez finalicen estas vacacións de Semana Santa. Mentres tanto practicade (sempre voluntariamente e se vos apetece) algúns dos xogos que vos fun ensinando ao longo destas semanas e se podedes enviádeme fotos, pequenos vídeos ou novas propostas ao correo electrónico efnacasa@gmail.com Onte xa recibín cousiñas moi chulas dalgúns alumnos/as e fixéronme moita ilusión.

MOITA FORZA, ENERXÍA E ÁNIMO PARA ESTES DÍAS. QUÉROVOS.