viernes, 3 de abril de 2020

Educación Física na casa. Sesión 13. Deportes olímpicos: baloncesto

Hoxe explícovos como xogar ao baloncesto con tapóns ou chapas. Trátase dun xogo de estratexia, e de certa dificultade, xa que son moitas as regras que hai que adaptar para poder xogar con estes materiais tan sorprendentes: tapóns, rollos de papel hixiénico e un garavanzo.

En primeiro lugar teredes que elaborar as equipacions das seleccións que van xogar o partido. Aquí tedes este enlace para ver como foron as camisetas e que xogadores participaron no Mundial de China de 2019.

https://www.gigantes.com/selecciones/al-completo-todas-las-plantillas-del-mundial-de-china-2019/

Despois teredes que delimitar ben o terreo de xogo. No vídeo comprobaredes que eu utilicei as baldosas do chan para saber cales son as liñas de fondo máis as laterais e así facer un campo máis grande ou máis pequeno.

A continuación teredes que practicar o pase entre xogadores (que son os tapóns), o lanzamento a canastra (rollo de papel) e algo que me esquecín no vídeo: a conducción da bóla (o garavanzo). Unha vez practicadas estas habilidades xa estades en disposición de xogar partidos.

Colocade aos xogadores nas súas posicións: pívots (preto da canastra), aleros (un pouco máis afastados) e base (o máis alonxado da canastra) e seguide as regras que se explican no vídeo ou outras que marquedes vós.

Sesión 13. Deportes olímpicos: baloncesto

As regras principais a modo de resumo son:

1) Xogador que toque o garavanzo introducirá este dentro do seu tapón.
2) Mentres o garavanzo esté dentro dun tapón NON poderá ser interceptado por ningún xogador contrario.
3) Xogador con garavanzo terá 3 opcións: pase a outro xogador do seu equipo (con abertura de dedos como sae no vídeo), lanzamento a canastra ou conducción do garavanzo para aproximarse cara a canastra.
4) Cando o garavanzo sae por liña de fondo ou liña lateral sacará o equipo contrario.
5) Se un tapón choca con outro do outro equipo pitarase falta. Sacaremos desde a liña lateral.
6) Tanto o saque inicial como os saques desde liña lateral ou de fondo realizaranse cos dedos e a seguinte tirada será para un xogador do equipo que realiza o saque.
7) O garavanzo soamente pode ser interceptado cando non estea dentro de ningún tapón.
8) Cada vez que o garavanzo caia dentro do rollo de papel hixiénico considerarase canastra de 2 puntos. Se o lanzamento se fixo desde bastante lonxe (á altura da posición do base) serán 3 puntos.

Xa vedes que é un xogo complexo, pero espero que comprendades ben as regras xa que se é así garantízovos que pasaredes un momento moi divertido.

Aquí queda outro enlace no que se explican os aspectos máis destacados do baloncesto.

http://especial.elcorreo.com/infografias/olimpiadas/baloncesto.html

O seguinte vídeo subireino unha vez finalicen estas vacacións de Semana Santa. Mentres tanto practicade (sempre voluntariamente e se vos apetece) algúns dos xogos que vos fun ensinando ao longo destas semanas e se podedes enviádeme fotos, pequenos vídeos ou novas propostas ao correo electrónico efnacasa@gmail.com Onte xa recibín cousiñas moi chulas dalgúns alumnos/as e fixéronme moita ilusión.

MOITA FORZA, ENERXÍA E ÁNIMO PARA ESTES DÍAS. QUÉROVOS. 

1 comentario: